Saturday 11 de May de 2024

A Festa de San Miguel reunirá mañá martes na carballeira de San Nicolau a varios centos de veciños e veciñas de Frades


A misa solemne e a procesión terán lugar ás 13:30 horas e a verbena contará con Bomba e Pontevedra

Centos de veciños e veciñas de Frades participarán mañá martes 29 de setembro na tradicional Festa de San Miguel, que terá lugar no entorno da carballeira de San Nicolau (Frades). Festivo local, o protagonismo da celebración recae nas familias e nos grupos de amigos do municipio, que se achegan a comer ata esta carballeira traendo da casa non só a comida, senón tamén as mesas, as cadeiras, as tendas de campaña, etc.

A misa solemne será ás 13:30 horas, cunha saída en procesión do San Miguel pola contorna da capela. A sesión vermú correrá a cargo do grupo Pontevedra, que dará paso ao xantar. Os participantes elixirán entre traer eles mesmos a comida da casa ou participar nunha comida organizada por Novas Xeracións nunha carpa na zona e que reunirá a máis de 250 persoas.

Pola tarde, a música correrá a cargo da charanga O Recobio (Teo), mentres que a gran verbena correrá a cargo dos grupos Bomba e Pontevedra. Durante a verbena sortearase unha cesta de produtos ecolóxicos.